• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello organiza unha excursión con ruta enolóxica por Valença do Minho e Baiona

10/04/2025

O Concello organiza unha nova excursión dirixida ás persoas maiores de 55 anos, xubiladas e pensionistas empadroadas no termo municipal da Laracha.

Nesta ocasión a viaxe será dun único día, o luns 28 de abril, e os puntos de destino, as localidades de Valença do Minho e Vila Nova da Cerveira en Portugal e Baiona na provincia de Pontevedra. A xornada tamén contempla unha ruta enolóxica con visita e degustación de viño na Adega Terras Gauda.

A preinscrición deberá formalizarse entre o luns e o mércores da próxima semana (días 14, 15 e 16 de abril) no edificio administrativo da Laracha. Terán prioridade para obter as prazas aquelas persoas que non participaran nas dúas últimas viaxes destas características organizadas polo Concello. En caso de ser necesario, o sorteo público das 100 prazas dispoñibles faríase o 22 de abril ás 11:00 h no Salón de Plenos do Concello.

A cota que deberán aboar os participantes é de 49 euros por persoa, que inclúe o xantar e todas as actividades que se desenvolverán durante a viaxe. O Concello asume o custe do transporte en autobús.

A iniciativa organízase como proposta lúdica, recreativa e cultural que se marca como obxectivo esencial optimizar o tempo de lecer dese colectivo, animarlles a coñecer e visitar localidades próximas e axudar a tecer relacións sociais entre os asistentes.